DEPORTES

O alcalde salienta o papel dinamizador do club Squash Santiago na vida deportiva dos composteláns no 25 aniversario do centro

13/11/2007 Un cuarto de siglo leva o club Squash Santiago traballando en prol deste deporte. Con motivo do aniversario, os directivos da entidade organizaron un torneo internacional que se está celebrar na cidade e que remata o vindeiro sábado. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi, acompañado de parte da corporación, aos partipantes e agradeceu a todos, xogadores, directivos e patrocinadores, o labor realizado neste ámbito deportivo.

O torneo reúne a algunhas das mellores raquetas do momento e está tendo lugar desde o luns 12 en dúas localizacións: as instalacións do centro deportivo en Milladoiro e nunha pista de cristal instalada en Área Central.

O mércores a partir das 14 horas disputaranse os octavos de final e o xoves, os cuartos. O venres será o turno das semifinais das que sairán os deportistas que se terán que medir na gran final do sábado. Ás 21 horas terá lugar a entrega de trofeos e unha cea no Restaurante Squash.

Compartir: