TURISMO

O programa "Vivir Compostela" pechou con 4.500 solicitudes

09/11/2007 O programa de sensibilización turística "Vivir Compostela", xestionado por Turismo de Santiago, permitiu a 3.365 composteláns participar en visitas guiadas, paseos e excursións normalmente ofertados aos turistas.

O concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, sinalou que o éxito da campaña se debe especialmente á diversificación das actividades, "pois permitía o acceso a un patrimonio pouco coñecido para os propios composteláns, que se converten agora nos mellores embaixadores para difundir a outros os atractivos da súa cidade".

A campaña, realizada durante o mes de outubro para dar a coñecer aos cidadáns as infraestruturas e recursos turísticos composteláns, atendeu un total de 4.484 solicitudes de participación, das que 3.365 recibiron praza. Das solicitudes, 2.290 foron formuladas por particulares e 2.194 por grupos, cifra esta que inclúe centros escolares, centros socioculturais, grupos de profesionais, asociacións de veciños, empresas e outras institucións.

As actividades máis populares
As actividades máis demandadas foron a visita á Cidade da Cultura (668), o paseo co tren turístico (603), a subida ás cubertas da Catedral (409) e as visitas didácticas (291). Tamén resultaron moi populares a visita guiada polas igrexas, o Museo da Catedral, o percorrido do patrimonio universitario, a visita aos conventos de clausura e as excursións ás Rías Baixas e Fisterra.

Tras o peche do programa, unhas 700 persoas realizarán a visita ás obras da Cidade da Cultura entre novembro e decembro a través da campaña, aínda que xa remataran as datas oficiais.

As enquisas de valoración respondidas polos cidadáns e as numerosas mensaxes de felicitación recibidas apostan claramente pola continuidade do programa, ao que consideran como unha oportunidade única para descubrir a oferta turística e cultural de Santiago coa familia, os veciños e os amigos.

Compartir: