URBANISMO

O Concello pon a disposición da Comunidade Autónoma a parcela para o novo colexio de primaria de Pontepedriña

09/11/2007 A Xunta de Goberno do luns 12 aprobara a posta a disposición da Comunidade Autónoma da parcela na que se construirá o novo centro educativo de primaria de Pontepedriña. Así o anunciou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que indicou que en xaneiro estará rematada a tramitación e a Xunta poderá licitar as obras.

En palabras da concelleira de Urbanismo, trátase dunha parcela "moi ben situada" no ámbito do SUP-7, con máis de 8.000 metros cadrados. Alí construirase un centro educativo con capacidade para 16 unidades e máis de 400 alumnos. Virá a substituír ao Ramón Cabanillas e ao Colexiata do Sar, que na actualidade dan cabida a uns 220 alumnos entre os dous.

O proxecto do colexio, segundo apuntou o alcalde, está en fase de redacción. En calquera caso, o compromiso da Consellería de Educación é que o centro estea en funcionamento para o curso 2008-2009.

Ao carón desta parcela sitúase outra destinada a uso deportivo, polo que Sánchez Bugallo non descartou que nun futuro se poida construír un polideportivo na zona vinculado ao centro.

Compartir: