TRANSPORTES

Os cidadáns disporán de 100 bicicletas para uso público en dez puntos da cidade

09/11/2007 O Concello de Santiago aposta pola bicicleta como unha "opción estratéxica" de transporte público. Así o indicou o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, na presentación do plan que está a preparar o Goberno municipal para o uso deste medio de transporte. Entrará en funcionamento en marzo de 2008 e o custo para o usuarios será de apenas seis euros anuais.

Segundo apuntou o concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, a bicicleta converterase nun transporte "alternativo e urbano" en Compostela. Para iso habilitaranse dez puntos de recollida de bicicletas: Campus Sur (2), Campus Norte, Ensanche, Fontiñas, Casco Histórico, Estación de Autobuses, Estación do Tren, Vite-Vista Alegre e San Lázaro. Alí, os usuarios terán á súa disposición 100 bicicletas, 10 delas con motor, que poderán empregar grazas a unha tarxeta ou un dispositivo a través do teléfono móbil, algo que aínda está por decidir.

Esta apostar xorde despois dun amplo estudo, que analizou as dificultades orográficas e climatolóxicas que presenta Compostela. Nace cun carácter experimental, pero como indicou Bugallo, "para logo melloralo e que siga medrando". "Permitiranos ver cal é a demanda real, e esperemos que as 100 bicicletas sexan insuficientes e que teñamos que habilitar máis puntos", afirmou.

Una empresa encargarase do mantemento do servizo e do traslado das bicicletas e o plan contará tamén coa colaboración da Universidade de Santiago. Sobre o seu custo, aínda non está perfilado na súa totalidade, xa que o Concello está a buscar formas de financiamento a través da publicidade. Os propios composteláns tamén poden colaborar enviando as súas suxestións sobre este novidoso proxecto á dirección compostelabici@tussa.org.

O uso da bicicleta obrigará tamén a facer algunha modificación na Ordenanza de circulación e uso da vía pública, xa que en determinadas rúas terá que poñerse a limitación de velocidade nos 30km/h. Neste sentido, o alcalde recordou que en Compostela non se considerou axeitado que as bicicletas vaian pola beirarrúa, polo que en moitas vías terán que convivir cos coches.

A Concellería de Mobilidade está a preparar estas adaptacións, que estarán listas en xaneiro. Tamén apuntou o alcalde que haberá "limitacións e exclusións" para o uso da bicicleta no Casco Histórico.

Bicicletas perfectamente equipadas
Os usuarios terán á súa disposición unha bicicletas de cidade completamente equipadas, con luces e alforxas para o transporte de material. Coa bicicleta tamén se poderá recoller o casco e mesmo un chaleco reflectante.

Dez das bicicletas inclúen unha batería que serve para reducir o esforzo necesario para pedalear ou ben para incrementar a velocidade do desprazamento. Existe unha alta variedade de modelos, con deseños tradicionais ou deseños máis parecidos ao dunha motocicleta. Este modelo está pensado especialmente para salvar as dificultades propias da orografía.

Compartir: