ALCALDÍA

Os concellos das grandes cidades e a Xunta colaborarán na elaboración da futura Lei Integral de Condutas Aditivas

08/11/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, acudiu xunto cos alcaldes das outras seis grandes cidades galegas a unha xuntanza coa conselleira de Sanidade, María José Rubio. Todos eles expuxéronlle o seu punto de vista respecto ao problema do botellón e ao tratamento que o mesmo debería ter na futura Lei Integral de Prevención, Asistencia e Inserción en Materia de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas, que prepara a Administración autonómica.

Os alcaldes manifestáronlle á conselleira a súa especial preocupación por aquelas materias que escapan ás competencias locais e que precisan ser reguladas por normas de maior rango que as ordenanzas municipais. Neste sentido, agardan que o marco autonómico poida dar unha resposta satisfactoria aos requerimentos da cidadanía galega.

Na xuntanza acordouse a constitución dun grupo de traballo de carácter permanente entre os concellos e a Xunta que colaborará na conformación do corpo normativo da nova Lei.

Compartir: