TURISMO

Os responsables turísticos do Camiño de Komanu visitan Compostela

07/11/2007 As rutas de peregrinación de Santiago e Komanu emprenderán a súa promoción conxunta en Europa e Xapón, aproveitando o seu carácter de camiños xemelgos nas terras do sol nacente e do solpor.

Turismo de Santiago recibiu a visita dos responsables turísticos da prefectura de Wakayama e de Tanabe, a rexión de peregrinación e a cidade meta que equivalen en Xapón ao Camiño de Santiago e a Santiago de Compostela, respectivamente.

Maki Yamashita, responsable de Relacións Internacionais da prefectura de Wakayama, e Brad Towle, técnico de Turismo de Tanabe, foron recibidos polo concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e por Flavia Ramil, xefa da Área de Promoción de Turismo de Santiago.

Segundo Iglesias, o desexo común é o de promover xuntos dous camiños Patrimonio da Humanidade, o de Santiago e o de Komanu, irmanados oficialmente hai xa dez anos; e dúas cidades, Tanabe e Compostela, que son meta de milenarias rutas de peregrinación. A iniciativa abriría ademais novas posibilidades para intensificar a promoción da ruta xacobea dentro de Xapón.

Camiños xemelgos: do sol nacente ao solpor
A promoción de ámbolos camiños como rutas xemelgas comezará no 2008 coa presenza conxunta en eventos como a Expo de Zaragoza e o Congreso Internacional de Aikido, que se celebrará en Tanabe en outubro. O acordo tamén inclúe a colocación de pedras conmemorativas no Monte do Gozo e no seu equivalente no camiño xaponés.

Os responsables turísticos de Tanabe e Wakayama, que percorreron na súa viaxe tramos do Camiño de Santiago e o casco histórico de Santiago de Compostela, despregarán no Centro de Interpretación do Camiño de Komanu todo o material informativo subministrado por Turismo de Santiago.

Compartir: