COMERCIO

Abrese o prazo de inscrición na edición de Nadal do Concurso de Escaparatismo

06/11/2007 As bases e o formulario de inscrición para participar na Edición de Nadal do IV Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007 xa están a disposición dos comerciantes na páxina web www.maiscompostela.org da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O prazo para apuntarse remata o 14 de decembro. Está previsto que o departamento comence a remitir toda a información relativa ao concurso aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago.

Para participar, os comerciantes só teñen que cubrir o formulario que se adxunta coas bases e envialo por fax ao número 981 554 296. Tamén se poden inscribir a través do correo electrónico escaparatismo@santiagodecompostela.gal, facendo constar os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico.

O IV Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007, que conta cun orzamento de 46.000 euros, quere servir de incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos establecementos composteláns. A través dun deseño libre dos escaparates preténdese, dun xeito orixinal, atractivo e efectivo, presentar a calidade dos nosos produtos a composteláns e visitantes. O certame consta de catro edicións anuais: Primavera, Verán, Outono e Nadal. En cada edición elíxense tres gañadores, e ao final de ano, nomease un gañador final. Será o establecemento que manteña unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das catro edicións.

Compartir: