CULTURA

O cellista Enrico Dindo, protagonista dun novo concerto da Real Filharmonía

02/11/2007 Debido a unha lesión muscular, a actuación da coreana Han Na Chang, prevista na programación inicial da Real Filharmonía de Galicia para o xoves 8 de novembro, foi suspendida. No seu lugar será o italiano Enrico Dindo quen interpretará o "Concerto para violoncello en si menor" de Dvorák.

Han Na Chang, que tamén cancelou os seus recitais de Bruxelas e Montreal, vése obrigada a cancelar tódalas súas actuacións para o mes de novembro. A causa está nunha escordadura na man esquerda. Despois de ser consultada polo seu médico, recomendoulle un tratamento fisioterapéutico por un mínimo de catro semanas, o que a leva a cancelar a súa actuación no Auditorio de Galicia do 8 de novembro.

No seu lugar actuará como solista Enrico Dindo, que xa actuara hai anos en Santiago. O programa da noite non sufre ningunha variación, polo que Dindi será o solista do "Concerto para violoncello" de Dvorák.

Enrico Dindo
En 1987, con tan só 22 de anos, foi elixido por Riccardo Muti para cubrir o posto de primeiro violoncello solista na Orquestra do Teatro da Scala de Milán, no que permanecerá once anos, ata 1998. En 1997 acada o Primeiro Premio da VII Edición do Concurso Rostropovich de París o que lle proporcionou un amplo recoñecemento internacional. Del escribirá o propio Rostropovich que "é un violoncelllista de extraordinaria calidade, artista completo e músico formado, e posúe un son excepcional que flúe como unha espléndida voz italiana". Dende entón comeza unha actividade de solista que o leva de xira por todo o mundo.

Algúns compositores teñen creado pezas dedicadas a el, como Giulio Castagnoli ("Concerto para violoncello e dobre orquestra"), Carlo Boccadoro ("O astrolabio do mar", para violoncello e piano) ou Carlo Galante ("Lúa en Acuario", para violoncello e dez instrumentos).

En decembro de 2001 crea en Pavía a Asociación Cultural "I Quattro Cavalieri", do que forma parte o conxunto camerístico "I solisti di Pavia" e no que desenvolve o papel de director musical e artístico. Ademais é docente na Academia Musical de Pavía (cátedra de violoncello).

En 2004 fíxose co primeiro premio da VI Edición do International Web Concert Hall Competition. Enrico Dindo toca un violoncello Francesco Ruggeri do 1692, cesión da Fundación Pro Canale e de propiedade da Fundación Umberto Micheli.

Compartir: