EDUCACIÓN E MOBILIDADE

Unha obra de teatro para amosar a importancia da educación viaria

02/11/2007 Dentro da Campaña de Educación Viaria e na Autoprotección "¿Onde está o perigo?", programouse para o 5 de novembro, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia, a representación da obra de teatro musical "133.6 FM. No espazo interior". Teñen confirmada a súa participación máis de 250 escolares de secundaria do IES Rosalía de Castro, Centro de Educación Especial O Pedroso, CPI dos Dices (Rois) e IES de Esparís (Brión).

O seu obxectivo desta representación é utilizar o teatro, a música e outras modalidades artísticas para amosar a importancia dunha correcta educación viaria. Preténdese que os escolares actúen con responsabilidade en diferentes aspectos da vida: o tráfico, os estudos ou a relación coa familia, entre outros. É un recurso didáctico complementario aos programas de educación viaria.

Sóbese o pano e comeza a soar unha música. Entran en escena catro adolescentes con cara de dúbida. Non se coñecen e tampouco saben como foron parar a ese estraño lugar. Pero teñen algo en común: os catro escoitaban o mesmo programa de radio, "O cruce", xusto antes de ser trasladados a esa especie de nave espacial…

Así comeza a representación "133.6 FM no espazo interior", unha obra de teatro musical dirixida a adolescentes, que pretende, a través de conversacións e cancións dos catro protagonistas, lembrar aos mozos e as mozas a importancia de poñerse sempre o casco, respectar os sinais, abrocharse o cinto de seguridade ou non beber cando se vai conducir.

Esta representación forma parte da Campaña Municipal de Educación Viaria "¿Onde está o perigo?", posta en marcha polo Concello de Santiago, a través das concellarías de Educación e de Mobilidade e Seguridade Cidadá, así como pola Xefatura de Tráfico da Coruña.

Direccións relacionadas



Compartir: