CONSORCIO

Continúa o ciclo Música na Compañía coas formacións de cámara da Real Filharmonía

29/10/2007 O ciclo Música na Compañía permite ao público compostelán gozar da música da orquestra a través dos seus solistas, que para a ocasión agrúpanse en cuartetos e quintetos e interpretan un variado repertorio de música de cámara.

Nesta ocasión, o martes 30, será un conxunto formado por violín, viola, contrabaixo, percusión e piano, que interpretarán pezas de Lee Richmond, Gliere e Mozart. Música na Compañía, impulsado dende a Real Filharmonía, en colaboración coa Vicerreitoría de Cultura da USC, pretende unir os conceptos de música e patrimonio e achegar a música de cámara ata o corazón mesmo da cidade histórica de Compostela. Así, á calidade artística dos diferentes compoñentes da orquestra santiaguesa, únese o carácter monumental da igrexa da Compañía, verdadeira xoia do barroco.

A capacidade e a singularidade artística e técnica de todos os músicos da Filharmonía teñen, nestas formacións de cámara, a expresión distinguida e versátil do seu camiño cara a unha maior presenza en Compostela, presentando proxectos de música de cámara.

Tódolos concertos destas formacións de cámara da Real Filharmonía na igrexa da Universidade son ás 20:30 h, con entrada libre ata completar aforo. O ciclo Música na Compañía inclúe outros cinco concertos ata o mes de xuño (programación completa en www.rfgalicia.org).

Compartir: