BENESTAR SOCIAL

O Concello emprende dúas iniciativas para promover a integración para poboación inmigrante

29/10/2007 A Xunta de Goberno deu conta da concesión de axudas para a realización de programas destinados a favorecer os procesos de integración da poboación inmigrante extracomunitaria.

As subvencións foron concedidas pola Secretaría Xeral de Emigración e beneficiarán ao fomento de actuacións coordinadas entre os centros educativos e o seu contorno e de actividades de educación non formal e extracurriculares, con 4.500 euros. Tamén afectan a actuacións dirixidas a facilitar a integración social das mulleres inmigrantes que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, tamén con 4.500 euros.

O primeiro dos programas reforzará o sistema de axudas no ámbito escolar para o alumnado inmigrante escolarizado en Compostela. Estas achegas contribuirán a superar situacións de necesidades das familias, que xa de por si teñen un risco de exclusión social, e favorecer a escolarización dos seus fillos en igualdade de condicións que o resto de alumnos. Así, preténdese previr o absentismo escolar e favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, isto último de xeito especial coas axudas de comedor.

O outro programa supón unha oportunidade para as mulleres inmigrantes de atopar un punto de encontro. Este proxecto busca axudar á integración sociocultural das mulleres inmigrantes grazas a visitas guiadas, reunións ou conferencias. Deste xeito adquirirán información útil e establecerán vínculos entre elas, compartirán experiencias e coñecerán un pouco máis a súa cidade de acollida.

Compartir: