ALCALDÍA

O alcalde recibe un premio que recoñece o seu apoio aos mercados municipais

29/10/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, deu a benvida aos participantes do V Encontro Nacional de Mercados Municipais Minoristas, organizado pola Empresa Nacional MERCASA e a Federación española de Municipios e Provincias (FEMP). Logo pola noite, recibiu un premio en recoñecemento ao seu apoio a este tipo de mercados. O encontro celébrase o luns 29 e o martes 30.

No seu discurso, o alcalde lembrou que Santiago estivo presente neste foro "practicamente desde o seu nacemento", xa que "nos parece unha excelente fórmula para poder actuar con solvencia sobre un sector comercial con escasa capacidade para obter recursos". Bugallo fixo fincapé na importancia da praza de abastos para Santiago, unha indispensable da "vida cotiá" e da "calidade de vida", que ademais é "herdeira dunha vella tradición comercial, de contar cun asentamento de soleira en pleno casco histórico". Así mesmo, falou da "necesaria a tutela municipal para dar alternativas e fomentar o comercio de produtos frescos nuns ámbitos que os cidadáns seguen a demandar e apreciar" e da preocupación "polo mantemento e a modernización dos mercados minoristas, no que participan e son beneficiarios moitos sectores sociais".

Sánchez Bugallo recibiu, no marco da 3º edición dos Premios ás mellores iniciativas en mercados municipais, un galardón que recoñece, segundo comunicou MERCASA "o seu apoio aos mercados municipais como elementos vertebradores do comercio urbano". A entrega dos premios celebrouse, ás 21:00 horas, no Hostal dos Reis Católicos.

Compartir: