DEPORTES

Os atletas africanos dominaron unha nova edición da Carreira Pedestre

28/10/2007 Unha edición máis, e xa van trinta, centos de persoas encheron as rúas de Compostela para vivir a Carreira Pedestre Popular Camiño de Santiago. O gañador nesta ocasión foi o keniano Silas Kipruto, cun tempo de 35 minutos e 9 segundos.

Por detrás de Kipruto chegaron os seus compatriotas Peter Bomo e Peter Kamais. En categoría feminina, a gañadora foi outra keniana, Joan Aiyabei, que rematou a proba cun tempo de 39 minutos e 46 segundos. A continuación entraron a etíope Mihret Tadesse e a portuguesa Leonor Carneiro.

O primeiro galego foi o compostelán Jesús de la Fuente, sétimo na clasificación xeral, cun tempo de 35 minutos e 57 segundos. María Jesús Gestido, con 43 minutos e 21 segundos, foi a galega mellor clasificada e a oitava na xeral.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, deu o pistoletazo de saída á carreira dos nenos na Avenida Xoan XXIII e, posteriormente, participou na entrega de premios. Logo, os primeiros clasificados en cada unha das categorías foron recibidos no Salón Nobre da Casa do Concello.

Compartir: