ALCALDÍA

O Concello concederá a Medalla de Ouro da Cidade ao Museo do Pobo Galego

27/10/2007 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou a solicitude ao Pleno municipal da concesión da Medalla de Ouro da cidade ao Museo do Pobo Galego. Fíxoo durante a súa intervención no acto de celebración do trixésimo aniversario da inauguración deste museo.

Sánchez Bugallo alabou o traballo do Museo "a prol da recuperación da memoria colectiva do país ata lograr consolidalo e convertelo nunha institución respectada por todos". Neste sentido, lembrou que "non é frecuente neste país que unha iniciativa xurdida da sociedade civil acade semellante éxito", e agradeceu "o traballo desinteresado de moita xente".

Es especial, tivo palabras de loubanza para o seu patrón fundador, Luciano García Alén, a quen se lle impuxo neste acto a insignia de ouro do Museo. "Quero agradecerlle as súas doazóns ao museo, o seu labor a prol da dignificación da alfarería do país e a súa dedicación á antropoloxía e á medicina. Este home é a expresión do amor pola historia e polo patrimonio de Galicia", indicou o alcalde.

Finalmente, expresou a súa confianza en que "o seu traballo e o de todos os que fixeron posible a existencia do Museo do Pobo Galego atope relevo nas novas xeracións".

Compartir: