CONSORCIO

Todo listo para o fallo do "Premio Compostela de Cooperación Urbana"

26/10/2007 Xerardo Estévez preside o xurado da primeira edición do Premio Compostela de Cooperación Urbana, que se fallará o luns 29. O premio convócano o Consorcio de Santiago, a Axencia Española de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores e a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

O Premio Compostela de Cooperación Urbana pretende recoñecer e estimular iniciativas públicas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina a través da transformación e mellora de espazos urbanos. Dotado con 180.000 euros, este premio fomentará proxectos urbanos aínda non executados, tanto de nova creación como de remodelación, rehabilitación ou restauración, a desenvolver nas cidades históricas dos países latinoamericanos.

Entre os criterios que se terán en conta á hora de seleccionar o proxecto gañador non só figuran aqueles relacionados coa calidade desde un punto de vista estritamente arquitectónico ou urbanístico, senón os que conten cunha maior calidade de vida das persoas, as melloras ambientais ou os que aseguren o equilibrio entre tradición e innovación urbanística, entre outros.

As propostas gañadoras, as finalistas e unha selección dos proxectos presentados conformarán o Arquivo Compostelán de Cooperación Urbana, recompilación elaborada para ampliar a súa repercusión e divulgación. Este arquivo estará a disposición pública na sede do Consorcio de Santiago, podendo ser utilizado polos participantes de cada convocatoria.

Trátase non só de establecer unha liña de cooperación ao desenvolvemento, senón tamén contribuír á xeneralización das boas prácticas en materia de renovación urbana e de difusión da imaxe de Santiago no ámbito latinoamericano.

Nesta mesma liña cómpre lembrar que o Consorcio de Santiago ten en marcha un proxecto de formación dirixido a arquitectos mozos en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), mediante o que conta dentro da súa Oficina Técnica con arquitectos latinoamericanos que desenvolven a súa experiencia nas iniciativas de rehabilitación levadas a cabo polo organismo interadministrativo.

Deste xeito, e co remate do ano, serán tres os becarios latinoamericanos que, seleccionados polo "Programa P>D Patrimonio para o Desenvolvemento" da Axencia Española de Cooperación Internacional, acabarán formándose entre os técnicos locais implicados nos proxectos do "Programa P>D" en execución.

Compartir: