CULTURA

Compostela reunirá durante dous días a máis de 170 radioafeccionados

26/10/2007 Os días 27 e 28 de outubro celébrase en Santiago de Compostela o VI Congreso Nacional de Radioafeccionados organizado pola Asociación de Radioafeccionados Pórtico da Gloria en colaboración ca Concellaría de Cultura, coa Liga Española de Asociacións de Radioafeccionados e CB, coa Federación Catalán de CB. Neste congreso, que presentaron o director de Comunicación da Asociación, Fernando Rodríguez de la Torre, e o concelleiro de Cultura, Néstor Rego, participarán asociacións de radioafeccionados de toda España, e servirá como punto de encontro e foro de debate.

Esta será a terceira vez consecutiva que este evento se celebra en Santiago de Compostela, o que consolida a capital galega como unha cidade referencia neste eido da radioafección. Pórtico da Gloria leva traballando máis de un ano para que se escollera a Santiago como sede do congreso e mostrou a súa esperanza que Compostela sexa nomeada definitivamente como sede oficial do Congreso Nacional de Radioafeccionados.

Durante estes dous días haberá charlas sobre o papel que desempeñan os radioafeccionados nas catástrofes a día de hoxe, como único sistema de comunicación nestas situacións; presentaranse novas emisoras que saíron ao mercado e falarase da promoción da radioafección entre os máis novos, ademais de compartirse experiencias de diferentes asociacións.

Este congreso coincide coa celebración do X aniversario da Asociación Pórtico da Gloria, unha asociación nacida en Santiago de Compostela e dirixida por xente moi nova que é a día de hoxe un referente a nivel internacional. Proba disto son os seus 250 socios repartidos por todo o mundo. O obxectivo desta asociación é a promoción da cultura galega a través das súas emisoras. Durante este ano fixéronse máis de 20 actividades para promocionar este aniversario e a celebración do Congreso Nacional de Radioafeccionados é un dos últimos actos durante esta celebración.

Comunicación nada doada
Os radioafeccionados son persoas que se comunican con xente que está a miles de quilómetros a través das súas emisoras. A comunicación a través de estas emisoras en moitas ocasións non é doada, xa que inflúen numerosos factores que posibilitan ou non este contacto, como pode ser a capa da atmosfera, condicións climatolóxicas, etc. Isto fai que os radioafeccionados pasen moitas horas escoitando as súas emisoras para lograr contacto buscado.

O número de radioafeccionados no mundo non está contabilizado, xa que hai en países nos que non existen rexistros ou incluso nos que esta práctica está prohibida por motivos políticos. Como curiosidade, existen normas éticas impostas polos propios radioafeccionados que non permiten falar de política, relixión ou sexo, como mostra de respecto a todas as relixións e culturas.

Compartir: