ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta por "buscar o acordo máis amplo posible" coa Xunta en relación ao PXOM

26/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse con membros da Asociación de Promotores de Santiago, aos que informou do estado en que queda o Plan Xeral de Ordenación Municipal tras a súa aprobación parcial pola Xunta. Nun prazo aproximado dun mes haberá outra reunión para informarlles de todos os cambios que lles afectan.

Sánchez Bugallo comentoulles tamén os pasos que agora dará o Concello. De feito, na Xunta de Goberno do luns 5 de novembro adxudicaranse os traballos adicionais que permitirán elaborar toda a documentación para xustificar ante a Administración Autonómica os temas non aprobados. Respecto aos mesmos, sinalou que "trataremos de buscar o acordo máis amplo posible coa Comunidade Autónoma".

Non obstante, o alcalde recoñeceu que hai varios temas que presentarán dificultades. Un deles, que dixo será "prolixo", será o das delimitacións de núcleo e de extensión de núcleo. O principal problema xorde cando a liña de delimitación está no medio dunha parcela. A postura do Concello é "defender hipótese máis favorable e que cando menos se teña en conta cando exista un peche". En calquera caso, apuntou, "é un tema que ten consecuencias importantes para as persoas afectadas, pero non no conxunto do Plan, xa que, como moito, afecta a unhas 500 vivendas".

Outros dous temas máis complexos sono porque "fan referencia a criterios asentados na Consellería e son criterios para toda Galicia". Un deles é o das zonas de protección de infraestruturas de comunicacións, que na Xunta cualifican como solos rústicos de infraestruturas, mentres que o criterio municipal é que poidan ser urbanos ou urbanizables segundo sexa o solo. "Isto non afecta á viabilidade do Plan e dos polígonos de vivendas, pero si ás persoas que teñen as súas propiedades alí", xa que coa cualificación defendida pola Xunta, "non poderían facer nada nin lles pagarían nada", afirmou Bugallo.

Tamén complicada é a cuestión dos núcleos que xurdiron nos últimos 40 anos. O alcalde apuntou a decisión do Concello de "levar este tema ao contencioso se non obtemos unha solución razoable". Dende Raxoi deféndese a cualificación como solo urbano destas superficies, "o que nos permitiría dar licenzas individuais, ademais de mellorar a imaxe e favorecer o desenvolvemento destas zonas". Bugallo reiterou que estas "non xurdiron ao marxe do planeamento, senón co Plan e coas licenzas concedidas ao abeiro del".

Compartir: