CIDADE HISTÓRICA

A concelleira da Cidade Histórica asegura que a colocación da rampla no edificio da SGAE era a única solución posible

25/10/2007 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Socorro García Conde, compareceu no Pleno Ordinario, a petición do PP, para explicar a colocación da escaleira-rampla do edificio da SGAE. Na súa intervención indicou que a construción deste elemento era a única solución para garantir o dereito da plena accesibilidade pola porta principal para todas as persoas en igualdade de condicións.

Socorro García apuntou que Había unha solución posible facendo obra no interior do edificio, pero que obrigaría ás persoas con algunha discapacidade física a acceder pola porta lateral. Se ben esta solución cumpriría a legalidade, "a accesibilidade plena pola porta principal é un obxectivo desexable e prioritario, sobre todo tendo en conta os usos do edificio no contexto; por iso, os técnicos municipais, decidiron que a rampla era a solución máis acaída ao problema suscitado", comentou.

A concelleira destacou tamén que a intervención arquitectónica liberaba máis espazo público do que ocupaba. Unha lixeira curvatura na fachada fai que 54 metros cadrados da parcela queden anexionados á beirarrúa, mentres que o espazo ocupado pola rampla é de 14 metros cadrados. En canto á ampliación da beirarrúa, asegurou que, con ou sen problema de accesibilidade ao edificio, o lóxico era levala a cabo, para que a amplitude exterior se correspondese coa nova realidade arquitectónica, que esixe potenciar o espazo peonil. Ademais, cualificou esta ampliación de "actuación con proxección futura" xa que se vai a proceder á ampliación coa reurbanización prevista para o conxunto da zona.

Ademais, quixo deixar claro que non é un erro atribuíble, "en ningún caso", á Administración. "A esta tócalle actuar buscando a solución máis acaída", segundo a concelleira, xa que o Goberno municipal "actuou como corresponde buscando esa solución e o interese da comunidade, ponderando vantaxes e inconvenientes, como fai cada día, para atopar solucións a problemas homologables que xera a realidade cotiá".

Finalmente, indicou que o edificio "está destinado para usos públicos, dentro do ámbito sociocultural, e suporá unha dinamización para o barrio das Salvadas-Vista Alegre". Ademais, lembrou, "vén substituír a previsión de edificios de vivendas para profesores universitarios", que era o proxecto inicial que había para a zona. Por estes motivos, o Concello considerou de interese a construción de edificio polo que de bo traería á cidade.

Compartir: