URBANISMO

O Concello seguirá a defender a aprobación definitiva do PXOM na súa totalidade

25/10/2007 Na sesión ordinaria do Pleno deuse conta da orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, do 3 de outubro, sobre a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). O Concello iniciará deste xeito os trámites para xustificar e defender aqueles puntos que non foron ratificados pola Xunta.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou que o obxectivo do Goberno municipal é "a aprobación definitiva total e faremos todos os esforzos para xustificar o que eles consideran non xustificado". Así, insistiu en que "defenderemos o noso proxecto de cidade", coa convicción de que converterá "nun referente do crecemento sostible e ordenado para o resto de Galicia".

Nestes termos tamén se pronunciou o tenente de alcalde, Néstor Rego, que apuntou reiterou o esforzo que o Concello fará por "defender, xustificar e documentar" o Plan na súa integridade, para que sexa "a base para o crecemento ordenado de Compostela nos próximos anos".

Pola súa parte, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, non negou que poidan existir dificultades para chegar a acordo coa Xunta nalgúns dos puntos e "non descartamos a posibilidade de ir ao contencioso". En calquera caso, expresou o seu desexo de que esta vez a Consellería de Política Territorial "non esgote o prazo de tres meses que dispón".

As partes aprobadas nesta Orde adquiren plena vixencia con esta aprobación a cargo da Xunta. Así, publicarase no Boletín Oficial da Provincia a normativa e as ordenanzas da Revisión do PXOM, aprobado nos termos establecidos pola Orde autonómica. Dáse a circunstancia de que, debido a esta aprobación parcial, haberá partes do municipio que se rexerán polo plan antigo e outras xa polo novo.

Está previsto que nun prazo de tres meses os técnicos municipais poidan presentar a Política Territorial a documentación requirida e as aclaracións pertinentes sobre os temas non aprobados. Logo a Xunta disporá legalmente dun prazo de tres meses máis para pronunciarse definitivamente sobre os mesmos.

Compartir: