ALCALDÍA

Santiago e Assisi uniranse a través dos seus camiños

25/10/2007 O Pleno municipal aprobou o irmandamento da cidade coa Comuna de Assisi. Os termos desta unión foran perfilados na reunión mantida polo alcalde co rexedor de Assisi, Claudio Ricci, o 3 de outubro, na cidade italiana. Alí asinaron un texto preliminar, no que no que se comprometían a constituír e revitalizar o Cammino di San Francesco, que unirá en ambos sentidos as dúas cidades.

O irmandamento permitirá, segundo a proposta realizada polo alcalde, "un maior coñecemento desa cidade afín a nós e coa que compartimos o feito de ser lugares simbólicos tanto no eido cultural como espiritual, así como consideramos que hai que ter en conta que ambas cidades foron declaradas Patrimonio da Humanidade".

Santiago e Assisi son dous importantes centros de peregrinación moi vinculados á figura do Apóstolo e á orde franciscana, tal como indican os conventos de San Francisco e Santa Clara. O mesmo San Francisco peregrinou a Santiago "comezando así un lazo que se quere volver a propoñer a través da unión do Camiño de Santiago e do Cammino di San Francesco.

Ademais, o irmandamento pretende ser "un paso máis no proceso de maner a presenza e promoción de Santiago de Compostela no mundo", e servir para "impulsar o coñecemento de Santiago nunha cidade de ampla acollida de peregrinos".

Compartir: