ALCALDÍA

O Eixo Atlántico incorpora catro novos membros

24/10/2007 A Comisión Executiva do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, reunida en Vigo, aprobou a incorporación das localidades galegas de Sarria e Santa Uxía de Ribeira e de Lamego e Penafiel, do norte de Portugal. Esta decisión deberá ser ratificada na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico que se celebrará o 1 de febreiro de 2008 en Vigo.

No mes de xullo, na Asemblea Xeral do Eixo Atlántico celebrada en Vila Nova de Gaia foi aprobada a ampliación de cidades que conforman o sistema urbano do Eixo Atlántico coa entrada das localidades galegas de Carballo, Verín, Lalín, O Barco de Valdeorras e Viveiro; e Barcelos, Mirandela, Famalicão, Vila do Conde e Matosinhos, no Norte de Portugal. Con esta derradeira incorporación o Eixo Atlántico conta con un total de 32 cidades membro.

O obxectivo desta última ampliación é reforzar o papel da rexión interior do sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, de acordo coa proposta presentada polos concellos de Tras-os-Montes, Lugo e Ourense na derradeira Asemblea Xeral extraordinaria, celebrada en Vila Nova de Gaia no mes de xullo.

O alcalde de Santiago mostrouse favorable ás novas candidaturas e suxeriu á Comisión a posibilidade de incorporar dúas cidades máis antes da Asamblea Xeral do mes de febreiro. Nesa data pecharase o proceso de ampliación ata 2013, ano no que finaliza o novo período de Programación de Fondos Comunitarios e, por tanto, as actuacións previstas para estes sete próximos anos.

Esta reunión de Vigo a primeira á que acudiu o alcalde de Santiago tras abandonar a presidencia da organización no mes de maio e poñerse á fronte da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico. Naquel momento Sánchez Bugallo quedou como vicepresidente provisional do Eixo Atlántico ao ser elixido Menezes novo presidente. O rexedor compostelán foi substituído nestas funcións polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que ostentará a Vicepresidencia durante os próximos dous anos. Tralo seu nomeamento, Caballero comprometeuse a motivar á cidadanía viguesa para incrementar o seu acercamento ao contexto europeo, trala falta de interese que se tiña producido nos últimos anos.

Ademais dos alcaldes de Santiago, Vigo e Vila Nova de Gaia, estiveron tamén presentes nesta xuntanza os representantes das cidades de Porto, Guimarães, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra.

Sistema ferroviario
Durante á reunión, os asistentes debateron o informe do Sistema Ferroviario Interior, elaborado polos Profesores Miguel A. Bugarín, da Universidade de A Coruña, e Antonio Babo, da Universidade do Porto. Este informe analiza o estado actual do sistema ferroviario interno da Eurorrexión, considerado pola organización transfronteiriza como un dos piares fundamentais da súa estratexia de intermodalidade. O Eixo Atlántico quere impulsar o uso do ferrocarril como medio de transporte habitual, proporcionándolle aos cidadáns da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal unha alternativa de transporte económica e ecolóxica. Esta acción enmárcase dentro da elaboración do mapa de transportes da Eurorrexión que é o principal obxectivo para este mandato e que se vai centrar na optimización destes tres niveis: mellorar as conexións entre todas as cidades do Eixo Atlántico, mellorar as redes de transporte dentro de cada área metropolitana e por último elaborar plans de excelencia para o transporte dentro de cada cidade.

O Presidente do Eixo Atlántico, Luís Filipe Menezes, non quixo deixar escapar a ocasión para ratificar o compromiso dos gobernos español e portugués no cumprimento dos prazos fixados para a finalización do AVE, prevista para o 2012-2013.

Convenios
O último punto do día estivo reservado á presentación de varios convenios que pretenden firmarse coa Universidade de Vigo para prácticas de alumnos; con Ecoembes para o desenvolvemento de actividades ambientais; e un último convenio coa Misión Operacional Transfronteiriza de Francia (MOT) para a creación de EUROMOT. Os representantes desta comisión executiva amosaron un grande interese por entrar a formar parte de EUROMOT, que a partir de xaneiro de 2008 se converterá na primeira axencia europea de cooperación transfronteiriza agrupando a un total de 12 países. De aprobarse este convenio, o Eixo Atlántico ocuparía a vicepresidencia deste órgano pioneiro en Europa.

Compartir: