CULTURA

Cineuropa convertirá de novo Compostela na capital do cine independente do 6 de novembro ao 3 de decembro

24/10/2007 O festival de cinema Cineuropa, organizado pola Concellería de Cultura, chega en novembro á súa XXI edición convertendo, unha vez máis, a Compostela na capital do cine independente, social e de autor. Do 6 de novembro ao 3 de decembro poderanse ver en Santiago arredor de cen películas entre as que estarán, ademais dos principais premios e filmes mais notorios dos diferentes festivais internacionais celebrados ao longo da tempada, as dúas primeiras reaccións da crítica radical á actuación dos Estados Unidos en Irak. Os dous filmes están asinados por dous cineastas de prestixio, Brian de Palma e Paul Haggis.

Coa controvertida, "Redacted", o consagrado Brian de Palma obtivo o León de Prata ao mellor director en Venecia. Pola súa parte, "No val de Ellah", estreada tamén en Venecia, é o novo filme de Paul Haggis, triunfador nos Oscar con "Crash". "No val de Elah", drama protagonizado por Tomy Lee Jones, Charlize Theron e Susan Sarandon, soa xa con forza como candidata aos Óscar. Outro filme que se incluirá na XXI edición de Cineuropa e que ofrece a súa visión da escalada bélica norteamericana é "Budo explotou por vergoña", de Hana Makhmalbaf, Gran Premio do Xurado en San Sebastián.

Así pois, os principais filmes premiados nos festivais internacionais estarán presentes en Cineuropa. Entre eles cómpre destacar o Oso de Ouro en Berlín, a china "A voda de Tuya"; a Palma de Ouro de Cannes, a rumana "Catro meses, tres semanas, dous días" e o Gran Premio do Xurado no mesmo certame, "O bosque de luto", de Naomi Kawase. A lista do palmarés de premios internacionais que consolidan a Cineuropa como festival de festivais, engrósana a xa citada "Redacted", de Brian de Palma, premiado en Venecia; "Mil anos de oración", de Wayne Wang, Concha de Ouro en San Sebastián; e "The fall", de Trasem Singh, gañadora do Festival de Cine Fantástico de Sitges. O cine fantástico será precisamente protagonista dunha das seccións especiais de Cineuropa, que tamén manterá espazos como "Mundo Asia" ou "Doc-Music".

Cineuropa celebrarase este ano no Teatro Principal, no Salón Teatro, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), na Fundación Caixa Galicia e na Aula de Cultura de Caixa Galicia.

Compartir: