CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia leva os seus concertos didácticos fóra de Santiago

24/10/2007 Logo de once anos de éxito cos concertos didácticos no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía comeza un novo proxecto co que achegar a súa calidade artística aos escolares doutras áreas fóra da capital compostelá.

Esta primeira xira didáctica levará á orquestra ata a cidade de Pontevedra. Baixo a batuta de Maximino Zumalave, ofrecerá dúas sesións para escolares (o xoves 25 de outubro, ás 10:00 e ás 12:00 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra), nas que está confirmado un cheo absoluto con 1.500 rapaces procedentes de toda a provincia. A previsión era dunha soa sesión didáctica, pero debido á grande afluencia de público ofreceranse dous concertos.

Trátase dun novo proxecto, ilusionante para os músicos da Real Filharmonía, que permitirá achegar aos máis novos o mundo da música e ofrecerá unha forma diferente de aprendizaxe artística. Ademais, ten vocación de futuro, xa que abre novas vías de colaboración con outras institucións, tanto públicas como privadas.

A iniciativa, que parte da Real Filharmonía, conta co respaldo do Concello de Pontevedra e da Consellería de Cultura, e servirá de punto de partida a unha cada vez maior presenza da orquestra máis alá dos xa tradicionais concertos de abono no Auditorio compostelán. Este novo proxecto ven sumarse ao recén inaugurado ciclo de música de cámara, Música na Compañía, organizado xunto coa Universidade de Santiago, e que permite ao público gozar da música da orquestra a través dos seus solistas, que para a ocasión agrúpanse en cuartetos e quintetos.

O programa
Pedro e o lobo é unha peza na que diferentes instrumentos da orquestra representan os distintos personaxes do conto infantil á vez que resaltan as palabras do narrador. Para o ocasión, a música estará acompañada pola actuación dos monicreques da compañía catalá Per Poc. Esta agrupación leva case 20 anos desenvolvendo plástica e dramaturxia de teatro de monicreques, o que os ten levado a actuar a Viena, Moscú, ou ao Festival Castell de Peralada, o Festival Grec de Barcelona ou o Festival de Outono de Canarias. Tamén son asiduas as súas colaboracións coa Orquesta Sinfónica da Región de Murcia, a Orquesta de Extremadura, a Orquesta Sinfònica del Vallès ou a Orquesta Filharmónica de Málaga, entre outras.

A programación de concertos didácticos pon á disposición dos escolares unidades didácticas para traballar na aula previamente.

Compartir: