EDUCACIÓN

O Concurso Literario Ánxel Casal segue a promocionar aos máis novos creadores galegos

24/10/2007 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentou as bases da convocatoria da XIII edición do Concurso Literario Ánxel Casal, nas súas modalidades de conto, poesía e teatro. A dotación total do premio é de 5.100 euros.

Como en edicións anteriores, haberá dous premios para cada unha das categorías. O primeiro será de 1.000 euros e o segundo de 700. O certame está aberto ao alumnado de ensino non universitario de Galicia a partir dos 14 anos. As obras, escritas en galego, serán inéditas e o tema é libre. O prazo de admisión de traballos finalizará o 25 de marzo de 2008 e a entrega de premios realizarase en maio, con motivo do Día das Letras Galegas.

O Concurso Literario Ánxel Casal promove a creación literaria entre os alumnos e alumnos dos centros de ensino secundario de Galicia. Foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Naceu coa vontade de que tivese un carácter itinerante, compartido entre o Concello e cada un dos centros de secundaria da cidade.

A denominación do premio é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de "A Nosa Terra", da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Compartir: