ALCALDÍA

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico debatirá a adhesión de novas cidades

23/10/2007 Baixo a nova presidencia do rexedor de Vila Nova de Gaia, Filipe Menezes, que está a fronte do Eixo Atlántico dende o 22 de maio, celebrarase o mércores 24 en Vigo, a partir das 11:00 horas, unha Comisión Executiva á que o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, acudirá en calidade de vicepresidente provisional. Precisamente, un dos puntos da orde do día será elixir unha nova vicepresidencia para os próximos dous anos.

Nesta xuntanza o Eixo Atlántico deberá decidir se deixa entrar a outros membros e baixo que criterios o vai facer. As principais posturas amosadas ata o de agora buscan asegurar un equilibrio territorial que garanta o mesmo número de vilas e cidades a un e outro lado do Miño e cunhas características socioeconómicas similares.

Outro dos asuntos da reunión é a presentación da proposta de programación bianual. Durante 2008 e 2009 a axenda estratéxica do Eixo centrarase en elaborar o mapa de transportes e de mobilidade da Eurorrexión, pondo especial énfase no fomento da accesibilidade e da mobilidade nas áreas periurbanas. Tamén está previsto poñer en marcha programas para desenvolver os territorios de baixa densidade do interior e promover o nacemento e a consolidación de industrias culturais e creativas. Por último, presentaranse cinco proxectos sectoriais en torno á educación, o turismo, o desenvolvemento sostible, a modernización da administración e o lanzamento dunha Axenda Local Dixital.

Convenios
O último punto do día fai referencia á presentación de catro convenios que pretenden firmarse coa Universidade de Vigo para prácticas de alumnos; con Ecoembes para o desenvolvemento de actividades ambientais; con Caixanova para o desenvolvemento de actividades culturais; e un último convenio coa Misión Operacional Transfronteiriza de Francia (MOT) para a creación de EUROMOT, unha comisión para realizar proxectos transfronteirizos estruturadores que favorezan a adaptación dos territorios de distintos países europeos.

Compartir: