TURISMO

Compostela quere ser o destino gastronómico do inverno

22/10/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, anunciou a posta en marcha do Plan de Desestacionalización Turística de Santiago, que este ano ten unha orientación eminentemente gastronómica.

Baixo o lema "Santiago de Compostela, repetirás", o programa de Turismo de Santiago desenvolverase entre o 5 de novembro do 2007 e o 31 de marzo do 2008, para atraer a un turismo de calidade nos meses de máis baixa ocupación hoteleira. Para isto válese de atractivos prezos no aloxamento, de paquetes con avión e dunha novidosa programación gastronómica que apela por igual ao padal de visitantes e cidadáns.

O prezo de partida é o mesmo de 2006: 35 euros por habitación e noite. Tamén hai unha oferta a partir de 150 euros que inclúe avión dende Madrid e dúas noites de hotel. Pero o prato forte deste ano radica nun programa de eventos que converte á gastronomía na principal motivación do visitante invernal, especialmente agora, cando Turismo de Santiago se apresta a celebrar en febreiro do 2008 o Fórum Gastronómico "As Cociñas do Atlántico".

Menús temáticos cada mes
Durante a campaña, varios restaurantes da cidade ofrecerán menús temáticos co produto gastronómico do mes. Os cogomelos en novembro, o polbo en decembro, o marisco en xaneiro, a cociña de Entroido en febreiro e a lamprea en marzo protagonizarán tamén talleres de cociña, eventos e excursións, como a de recollida de setas ou a visita aos bancos marisqueiros. Iranse anunciando ao longo dos próximos meses e estarán destinadas por igual a visitantes e cidadáns.

A campaña, xestionada polo turoperador Compostur, será comercializada en España e Portugal por Transhotel, Mundicolor e Viagal, que ofrecerán prezos reducidos nos 33 hoteis composteláns participantes, e paquetes de avión con dúas noites de aloxamento. O programa conta cunha web propia, www.santiagoturismo.com/fs, ademais da web de Compostur, www.santiagoreservas.com e do teléfono de reservas, 902 190 160.

Os obxectivos finais do programa son: incrementar o turismo de calidade en meses de baixa ocupación; manter os produtos turísticos de temporada alta durante todo o ano; integrar o esforzo público e privado en beneficio do turismo da cidade; asociar a temporada de inverno co fomento do turismo enogastronómico, cara á celebración do Fórum Gastronómico en 2008 e crear unha oferta gastronómica invernal para o goce de visitantes e cidadáns. Turismo agarda superar os 5.000 visitantes da pasada campaña.

Compartir: