OBRAS

Os nenos disporán de vestiarios específicos nas piscinas de Sar

22/10/2007 O Goberno local adxudicou as obras de reforma dos vestiarios nas piscinas exteriores do Multiusos Fontes do Sar, por importe de 178.035 euros. A obra, deseñada polo arquitecto Jorge Barata, será financiada polo Consorcio de Santiago.

Esta actuación permitirá subsanar o problema da non disposición de espazo específico para nenos e nenas nestes vestiarios, o que obrigaba a cambiar aos alumnos cos pais en vestiarios de adultos. Isto supoñía un problema á vista do alto número de cursos para rapaces que se celebran durante todo inverno.

Ademais da construción dos novos vestiarios, acometeranse outras reformas, como a substitución do túnel polo que se acceder ao globo, solucionando así o contraste térmico entre os vestiarios e o vaso. Tamén se realizarán as obras adecuadas para solventar os problemas de condensación.

Iluminación no soto primeiro de Raxoi
A Xunta de Goberno adxudicou tamén as obras de reforma da instalación de iluminación no soto primeiro do Pazo de Raxoi. Investiranse 56.201 euros nestas obras.

Finalmente, determinouse a empresa encargada de ampliar a rede de saneamento no lugar de Lamas de Laraño, por importe de 33.002 euros e un prazo de execución dun mes.

Compartir: