URBANISMO

Aprobado o proxecto de expropiación do SUNP-11 do Castiñeiriño

22/10/2007 A aprobación pola Xunta de Goberno do proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, do Plan de sectorización do SUNP-11 (Castiñeiriño) achega o inicio das obras neste solo, no que se construirán preto de 200 vivendas.

A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, anunciou que nos vindeiros días se agarda alcanzar un acordo con todos os propietarios. O custo destas expropiacións será de 4,4 millóns de euros.

A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa) encargarase de urbanizar esta superficie de 38.000 metros cadrados, onde se construirán logo 196 vivendas, das que 158 serán protexidas. O custo destas obras de urbanización será de dous millóns de euros.

Estas novas vivendas uniranse a outras xa previstas noutros solos deste mesmo ámbito, en diferentes fase de desenvolvemento. Cando se rematen todos eles, o barrio do Castiñeiriño contará con 2.000 novas vivendas.

Modificacións no SUP-7 de Pontepedriña
Por outra parte, o Goberno local tamén aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan parcial do SUP-7 de Pontepedriña. Este visto bo supón automaticamente a suspensión do outorgamento de licenzas no ámbito dos quinteiros 4, 9, 10, 11, 12, 14 e 15. O Plan someterase a información pública durante o prazo dun mes.

Cómpre lembrar que o Plan parcial do SUP-7 de Pontepedriña resolve os problemas de rasantes que xurdiron neste solo, moi complicado topográficamente, respecto dos volumes xa edificados. Ademais, outórgase unha solución estética axeitada en forma de cubertas planas.

Neste polígono construiranse 646 vivendas, das que 602 serán protexidas. As obras de urbanización están moi avanzadas e os promoteres están a piques de presentar os proxectos dos primeiros bloques de vivendas.

Compartir: