CONSORCIO

O Consorcio reaxusta a súa programación plurianual para construír o Museo de Historia Natural

19/10/2007 O presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo presidiu a reunión do Consello de Administración do organismo interadministrativo, na que se autorizou un reaxuste da programación plurianual do Consorcio para facer fronte a un orzamento de tres millóns de euros para a construción do edificio que albergará o Museo de Historia Natural nun dos ámbitos máis emblemáticos da cidade, a finca de Vista Alegre, onde se atopan o Centro de Estudios Avanzados, a Casa de Europa, a Escola de Altos Estudos Musicais e a nova sede da Sociedade Xeral de Autores.

O proxecto do edificio deste novo Museo de Historia Natural será acometido polo arquitecto galego César Portela, que foi Premio Nacional de Arquitectura. Trala súa construción será xestionado pola Universidade de Santiago. Na actualidade, os fondos deste museo permanecen abertos ao público na Facultade de Química coa denominación de Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" e constitúen o conxunto de patrimonio histórico-científico máis importante de Galicia. O centro vén a ser continuador do Gabinete de Historia Natural creado por Antonio Casares.

O Consello de Administración tamén aprobou a conta xeral do organismo correspondente ao exercicio de 2006. Tamén se deu o visto bo ao convenio colectivo para o persoal do Consorcio ata o ano 2010. Este convenio regula as condicións laborais dos 73 traballadores da entidade, que está composta por oito traballadores da Oficina Técnica, nove dos Serviczos Centrais e 56 integrantes da Real Filharmonía de Galicia.

Ademais de Sánchez Bugallo, asistiron ao Consello de Administración as subsecretarias dos Ministerios de Economía e Facenda, Fomento e Cultura, Juana Mª Lázaro, Mª Encarnación Vivancos e Mª Dolores Carrión, respectivamente; o inspector xeral de Facenda da Aministración Central, Angel Esteban Paul; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o concelleiro de Facenda, Andrés Fariña; o Interventor, Emilio Vázquez Salgado; o Avogado do Estado, Luis Suárez De Centi; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o secretario F. Javier Castiñeira Izquierdo.

Compartir: