TURISMO

O programa "Vivir Compostela" alcanza as 4.000 reservas

19/10/2007 A campaña "Vivir Compostela", lanzada por Turismo de Santiago para dar a coñecer aos cidadáns as infraestruturas e recursos turísticos da cidade, segue atopando unha resposta masiva entre os composteláns, que xa esgotaron as prazas en 10 das 20 actividades gratuítas ofertadas. O programa de sensibilización turística contabilizaba o venres 19 un total de 3.980 reservas.

As actividades de "Vivir Compostela" que aínda admiten reservas son a ruta da arquitectura contemporánea, a visita ao casco histórico, o tren turístico e o percorrido guiado de cinco dos mellores museos da cidade: a Fundación Granell, o Museo do Pobo Galego, o CGAC, o Museo das Peregrinacións e a exposición Galicia Dixital. Todas ofértanse en variedade de horarios, incluíndo fins de semana.

Para escolares hai unha ruta diaria, didáctica e feita á súa medida, que combina o casco histórico e o tren turístico; e para os que prefiran o paseo tranquilo, segue dispoñíble o aluguer da visita autoguiada en mp3.

O único requisito para participar nestas actividades é ser un cidadán censado en Santiago ou traballar na cidade. As visitas reservaranse nos teléfonos 981 592 333 e 981 935 345, ou polo correo electrónico comercial@trevisani.es.

Compartir: