ALCALDÍA

Galicia, vista a través do gravado antigo

19/10/2007 O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición "Galicia no gravado antigo". Esta colección poderá verse no Colexio de Fonseca entre ata o 2 de decembro.

A mostra, auspiciada polo Consorcio de Santiago, en colaboración coa Universidade e coa Fundación Caixa Galicia, exhibe a que quizais é a mellor colección privada de gravados que hai sobre Galicia. Son 270 gravados seleccionados dun total de máis de 800 do século XIX, dos que unha parte moi importante corresponden á cidade de Santiago.

A colección pertence ao compostelán de adopción Carmelo Puertas, orixinario de Cantabria, un dos maiores coleccionistas de gravado antigo. Practicamente o 90% das obras expostas son do XIX. O resto son anteriores a este século.

Na exposición están representadas todas as técnicas do gravado, como augafortes, xilografías, litografías, augatintas, tallas doces (puntas secas, ao aceiro), etc. Amosan aspectos da vida cotiá, oficios, cidades e vilas, paisaxes urbanas, festas, folclore, acontecementos sociais e históricos ou escenas costumistas. Son un reflexo da súa época e teñen un importante valor histórico e documental.

A cidade de Santiago adquire unha especial relevancia nestes gravados, que amosan unha particular percepción dos monumentos, da vida e dos acontecementos máis destacados. Tamén hai gravados referidos ao Camiño e o propio feito da peregrinación, cunha serie específica referida á iconografía de Santiago realizada por artistas alemáns, franceses, italianos, ingleses ou españois.

Compartir: