ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta pola creación de itinerarios entre os grandes complexos culturais do norte de España

19/10/2007 Trala súa visita á Cidade da Cultura de Asturias, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, apuntou a súa aposta por "establecer colaboración ou rutas culturais dende o Guggenheim á Cidade da Cultura", pasando polo complexo asturiano. Na súa opinión, "pódese vender un pronto atractivo e interesante" a partir de feitos como "a calidade das nosas paisaxes e unha oferta cultural moi potente".

O alcalde referiuse ao exemplo que a nivel creativo e cultural representa a Cidade da Cultura de Asturias, aínda que recalcou as diferenzas entre este proxecto e a Cidade da Cultura de Galicia, tanto a nivel arquitectónico como cultural. "O máis parecido, salvando as distancias, sería o que no seu momento pretendiamos facer no antigo mercado de gando, creando alí unha factoría cultural", indicou.

Da súa visita a Asturias, recordou tamén a reunión mantida, en calidade de presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), co presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, á súa vez presidente da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM). Desta xuntanza saíu o compromiso de presentar programas conxuntos e de solicitar fondos comunitarios para estas comunidades atlánticas. "Non pode ser que a renda sexa o único criterio na articulación das políticas europeas", explicou Bugallo.

Botellón
Ademais desta cuestión, na súa rolda de prensa semanal, o alcalde pronunciouse sobre outros temas de actualidade, coma o do botellón. Afirmou que "ninguén se debe lavar as mans" nesta cuestión e reclamou novamente a implicación de pais, centros educativos, administracións e mozos. Non obstante, dixo, "hoxe estamos un pouco mellor que hai sete días, porque todos recoñecemos pública e conxuntamente que témeos un problema".

Sobre a última noite de botellón, sinalou que participaron unhas 1.500 persoas. O parte policial indica que non houbo ningunha incidencia especial. Iso si, resaltou que novamente se volveron a producir colas para mercar nos establecementos de 24 horas.

Indulto para os veciños do Eixo
Respecto á manifestación convocada para demandar o indulto aos veciños do Eixo, o alcalde manifestou que non asistirá, por considerar que "como alcalde só se debe acudir a este tipo de acontecementos en circunstancias moi especiais". Reiterando o seu "afecto e respecto" aos tres veciños, indicou que a súa función debe ser a de facer todo o posible polo indulto noutras instancias: "Seguro que asistirán concelleiros do Goberno, pero farano a título persoal e en nome das súas formacións e do electorado ao que representan"

"Onte mesmo mantiven a última conversa co Ministerio de Xustiza e seguirei a facer as xestións ao meu alcance para conseguir o indulto, e se non é posible o indulto, o terceiro grao", afirmou Bugallo. Non obstante, recoñece que "é moi difícil obter o indulto, porque no Ministerio din que sen novos elementos é difícil tomar unha decisión diferente". Neste sentido, os elementos diferentes poderían ser "a petición de perdón e o perdón da vítima", pero recordou que el mesmo falou cun dos veciños condenados e que este lle dixo "con seguridade, convición e bágoas que é inocente e que non viu os feitos". O alcalde afirmou "respectar esta posición persoal" e, finalmente, recalcou que "nada bo vai saír do ingreso destas persoas en prisión".

Aeroporto de Lavacolla
En canto aos últimos datos do tráfico de viaxeiros nos tres aeroportos galegos, Sánchez Bugallo indicou que "nun ano moi complexo en Lavacolla foi quen de seguir medrando, a pesar de opas hostís dalgúns". Sobre o futuro, expresou a súa confianza en que "o ano que vén sexa mellor que este". Neste sentido, afirmou que "Ryanair é consciente dos seus incumprimentos" e, fronte a opción de romper, "nós preferimos a busca de acordos, porque nos interesa consolidar a súa posición en Santiago". Por iso, concluíu, "confiamos na palabra de Ryanair, que se comprometeu a que seremos compensados en 2008".

Autovía a Ourense
Preguntado pola manifestación en Lalín en demanda da redución da peaxe entre Santiago e esta vila pontevedresa na autovía Santiago-Ourense, o alcalde apuntou que "todo o que implique unha minoración do custo paréceme positivo". Pero quixo deixar claro que "o único mecanismo de solución é que o Estado expropie os dereitos da concesionaria".

Compartir: