PROMOCIÓN ECONÓMICA

Dez microguías axudarán aos emprendedores a por en marcha as súas empresas

19/10/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou dez ]Microguías de Oportunidades de Negocio. As guías enmárcanse no Plan de Excelencia Comercial, en concreto no eixo de actuación denominado Impulso de Novas Iniciativas Comerciais.

O principal obxectivo destas publicacións é facilitar ás persoas emprendedoras unha información específica a partir da cal poidan concretar aspectos fundamentais da empresa que teñen pensado crear. Conteñen datos sobre o mercado, o produto, os clientes, as particularidades da actividade a emprender e unha análise económico financeira da mesma.

Está previsto que estas microguías se repartan de xeito gratuíto entre as persoas que asistan a II Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 23 de outubro no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, en Santiago. Os interesados poden inscribirse na páxina web da Concellaría de Promoción Económica: www.maiscompostela.org, no microsite sobre o programa Compostela Activa, no que se enmarca.

As Microguías de Oportunidades de Negocio desenvolven estudos sobre proxectos empresariais con importante demanda en Santiago. Todos eles pertencen ao sector terciario. Son comercio, hostalería e sector servizos.

En materia de comercio, as guías son: Tenda de xoguetes artesanais-educativos; Establecemento de produtos alimenticios e froitas exóticas; Ampliación da liña de negocio: carnizaría, peixaría, posto de verduras e froitaría; e Tenda especializada en produtos para maiores. As guías hostaleiras versan sobre: Restaurante espectáculo, Restaurante de alto prestixio, Restaurante de sobremesas creativas e orixinais e Bar de osíxeno e augas. Finalmente, no sector servizos editáronse guías sobre Servizos de canguros políglotas e Servizos domésticos/Servizos a domicilio.

As Microguías de Oportunidades de Negocio presentan a mesma estructura. Todas elas teñen entre 40 e 50 páxinas, e están divididas en once apartados. Para a súa redacción empregouse, entre outra información, a Diagnose de Situación do Sector Comercial e a Hostalería, elaborada pola Concellaría de Promoción Económica.

Compartir: