DEPORTES

Cita para percorrer a cidade en bicicleta

18/10/2007 O domingo 21 de outubro celebrarase unha nova edición do Día da Bicicleta. Esta actividade tivo que suspenderse o día 30 de setembro debido ás malas condicións climatolóxicas.

Ás 11:00 horas iniciarase esta festa deportiva no Centro Comercial Compostela (Hipercor). Dende aí, os ciclistas percorrerán as principais rúas de Compostela para rematar na Praza do Obradoiro, lugar onde terá lugar un sorteo de regalos entre todos os participantes inscritos.

O percorrido levará aos participantes polas seguintes rúas: Paxonal, Amor Ruibal, Hórreo, praza de Galicia, Fonte de Santo Antonio, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, Rodas, colexio La Salle, San Roque, Santa Clara, Basquiños, San Caetano, Camiño Francés, rúa París (Fontiñas), rúa Londres, Multiusos de Sar, rúa Diego Bernal, Ponte do Sar, Castrón D’Ouro, Curros Enríquez, Santiago de Guayaquil, República do Salvador, Alfredo Brañas, República Arxentina, praza Puente Castro, Hórreo, Senra, Porta Faxeira, Pombal, Galeras, Salvadas, Vista Alegre, avenida de Castelao, Burgo das Nacións, Xoán XXIII, San Francisco e praza do Obradoiro.

As persoas que xa se inscribiran para a proba do 30 de setembro, non terán que volver a facelo. A partir das 10:00 horas do mesmo domingo 21 estará aberto o novo prazo de inscrición.

O Día da Bicicleta non é unha competición senón unha festa de convivencia deportiva no que o importante é dar un paseo, e converter este vehículo no protagonista, por unhas horas, das rúas compostelás.

A organización recomenda aos participantes usar casco e respectar os límites marcados pola organización. Ademais, todos deben ter precaución e seguir con atención as instrucións da Policía Local, de Protección Civil e dos colaboradores do Club Ciclista Compostelán e do Moto Club Compostela. Tamén se lembra que a proba non é unha competición, senón un paseo en bici, e que cómpre ser respectuoso cos demais participantes.

Compartir: