EDUCACIÓN

O conto musical "Celestino Tarambainas" abre o programa de concertos didácticos

18/10/2007 Como cada curso escolar o Departamento de Educación pon en marcha o Programa de música para escolares de centros de ensino do Concello de Santiago. O venres 19 de outubro, ás 10:30 horas, celebrarase no Teatro Principal a primeira das actuacións. O quinteto de vento Pentafonía interpretará o conto musical Celestino Tarambainas.

Os alumnos de entre tres e seis anos dos centros Lamas de Abade, Raíña Fabiola, San Francisco Xavier e San Xurxo terán a oportunidade de asistir ao concerto dun quinteto formado por frauta, oboe, clarinete, trompa e fagot. O espectáculo conta tamén coa actuación da compañía Monicreques de Kukas.

Este concerto didáctico permitiralle aos rapaces coñecer os distintos instrumentos e distinguir o timbre de cada un deles. Ademais, con estas actuacións foméntase unha actitude aberta e positiva ante calquera expresión musical e os máis novos adquiren o hábito de escoitar música con atención para comprendela e disfrutar con ela.

Compartir: