COMERCIO

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio destina 91.000 euros a subvencionar ás asociacións de comerciantes

17/10/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, asinou catro convenios de subvención con representantes das asociacións de comerciantes Acotés, Compostela Monumental, Mercado de Abastos e Santiago Centro por un valor total de 91.000 euros. O obxecto da subvención é fomentar a realización de actividades, implantación de servizos e a adopción de medidas de dinamización e promoción comercial en Compostela. A través deste convenio Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro percibirán do Concello 26.000 euros cada unha, e o Mercado de Abastos 13.000 euros.

No 2006 a Concellaría de Promoción Económica e Comercio consolidara a cifra de 24.000 euros para o Centro Comercial Aberto Compostela Monumental e a Fundación Santiago Centro Área Comercial, e consignara por primeira vez unha cuantía idéntica para a Agrupación de Comerciantes de Santiago Acotés, aos que se engadiron 12.000 euros para o Mercado de Abastos. En 2007 incrementou esta cifra un 8,33%, pasando dun total de 84.000 a 91.000 euros. Así, este ano Acotés, Compostela Monumental e Santiago Centro recibirán 26.000 euros en axudas. No caso do Mercado de Abastos a subvención aumenta de 12.000 a 13.000 euros.

Estas subvencións, vixentes durante o ano 2007, son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Por outra banda, a Concellaría tamén impulsa a dinamización e promoción do sector comercial compostelán a través dunha das liñas de actuación do Plan de Excelencia Comercia (PEC), na que se incluen programas de proxección externa e de dinamización interna dos comercios, como o Concurso de Escaparatismo, o Concurso de Imaxinación máis Comercio e a difusión da campaña Compostela, capital de compras.

As outras liñas de actuación do PEC son Fomento da formación e capacitación do sector, Creación de novas iniciativas comerciais para acadar unha oferta comercial ampla e diversificada, Plan de mellora para os comercios en activo co obxectivo de potenciar os puntos fortes do pequeno comercio e mellorar a súa competitividade e Plan de asesoramento asociativo. Todas estas accións están coordinadas a través do Servizo de Asesoramento ao Comercio, que funciona mediante o sistema de cita previa a través do teléfono 981 568 752.

Compartir: