CULTURA

Vinte e cinco compañías exhibirán os seus espectáculos teatrais e coreográficos en Compostela

17/10/2007 A XV Feira Galega das Artes Escénicas traerá a diversos escenarios de Compostela os espectáculos teatrais e coreográficos de 24 compañías galegas e catro procedentes de países lusófonos. Será do 23 ao 27 de outubro.

A Concellaría de Cultura colabora con este evento, organizado pola Consellaría de Cultura a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). Nesta edición a Feira ten a prioridade de potenciar a súa condición de espazo de mercado especializado e efectivo á hora de dar servizo ao centenar de programadores de teatros e auditorios, festivais e circuítos escénicos que teñen confirmada a súa asistencia. O obxectivo é a incorporación de espectáculos galegos na súa oferta cultural para a vindeira temporada.

De xeito complementario ao habitual programa de exhibición en cinco escenarios composteláns (Sala Nasa, Salón Teatro, Teatro Galán, Teatro Principal e auditorio do IES Arcebispo Xelmírez I), na sede instalada na Fundación Gonzalo Torrente Ballester habilitarase un espazo de mercado cunha quincena de stands de empresas escénicas, unha área de encontro e traballo para os profesionais, outra para os medios de comunicación e unha mesa de contratación.

Ademais, o programa de actividades paralelas contempla a presentación de dous estudos promovidos polo IGAEM sobre os hábitos de consumo cultural do público feminino da Rede Galega de Teatros e Auditorios e sobre a situación actual das artes escénicas en Galiza, a celebración dun encontro de formación en crítica teatral ao que asistirán 16 novos críticos de diferentes países europeos, e a exposición "Un país dende as táboas. 125 anos de teatro galego".

Ollada cara a lusofonía
A presente edición propiciará, asemade, unha especial aproximación a outras culturas, como o son as dos países que se expresan en lingua portuguesa. Así e ademais da presenza institucional, exhibiranse catro espectáculos en portugués a cargo de dúas compañías de Cabo Verde (Grupo de Teatro do Centro Cultural Português-Instituto Camões e Raiz di Polon), unha brasileira (Companhia Silvana Abreu) e unha portuguesa (Circolando-Graça Ochoa).

Estas propostas sumaranse ás que presentarán as 21 compañías galegas seleccionadas para configurar un programa que, durante cinco días consecutivos, converterá ao teatro maila danza nos protagonistas culturais na cidade de Compostela. Teatro de actor para público infantil e adulto, monicreques, novo circo e danza son os xéneros escénicos que conforman o cartel desta edición.

Direccións relacionadas



Compartir: