BENESTAR SOCIAL

Máis de 2.200 escolares formaranse en prevención de dogrodependencias nunha nova edición de "Cinensino"

17/10/2007 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, inaugurou a XIII edición do Programa de prevención da drogodependencia Cinensino. 300 alumnos do IES Rosalía de Castro, do CPR Santa Apolonia e do IES de Sar foron os primeiros en participar nas actividades, dos 2.250 previstos en total.

Este programa, realizado pola Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), ten como destinatario tanto ao alumnado como ao profesorado. Incentiva actitudes saudables na comunidade escolar e prevén as drogodependencias a través do cine. Así foméntase nos alumnos modos de comportamento axeitados fundamentados na responsabilidade, na solidariedade e na tolerancia.

Cinensino utiliza como base o cine, xa que é un elemento motivador para realizar actividades con fins didácticos. Así, cada filme ten a súa unidade didáctica para traballar nos centros escolares. Ademais da proxección trimestral dos filmes, o programa inclúe un curso de formación gratuíto para o profesorado a través de Internet. Os centros de ensino reciben diverso material didáctico.

Nesta primeira sesión, os rapaces asistiron á proxección dun vídeo sobre o funcionamento do programa. A continuación, puideron visionar o filme Alex Rider: operación Stormbreaker.

Compartir: