ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "A prioridade do Concello é evitar o botellón na vía pública"

16/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, sinalou a propósito do fenómeno do botellón que o Concello "ten medios humanos e materiais limitados". Por iso, indicou, "establecemos prioridades e esas son as de evitar o botellón na vía pública".

Nesta liña, recordou, na noite do xoves 11, os efectivos da Policía Local ocupáronse da vixilancia do Casco Histórico, mentres que a Policía Nacional se encargou da zona do Ensanche. En calquera caso e malia o bo funcionamento do dispositivo de vixilancia, apuntou a "súa preocupación" por este fenómeno, "convertido nun hábito social que vai a máis". Ademais afirmou ter constatado que "agora os xóvenes móvense dunha cidade a outra para realizar o botellón", en referencia á presenza masiva de mozos na devandita noite.

O alcalde fixo un chamamento "ás familias e a todas as administracións" para implicarse na solución do problema. Lembrou que estamos a falar de "xóvenes normais, non de delincuentes" e apelou aos pais a que asuman tamén o seu papel nesta cuestión.

Tamén se amosou partidario de determinadas medidas, como a prohibición da venda de alcohol pola noite e reclamou medidas autonómicas neste sentido. Sobre isto falarán diversos alcaldes das principais cidades de Galicia nunha reunión que se celebrará en Santiago probablemente o mércores 17.

Compartir: