EDUCACIÓN

Máis de 200 escolares visitaron xa a mostra SANTIAGO dC

16/10/2007 A exposición SANTIAGO dC, situada no edificio do antigo Banco de España (praza das Praterías) segue a recibir as visitas de distintos centros escolares. O mércores 17 de outubro, ás 10.00 horas, serán os do Colexio Nosa Señora dos Remedios os que realicen este itinerario didáctico. Dende o comezo destas visitas, xa pasaron pola mostra máis de 200 escolares.

Esta exposición, ideada como unha forma diferente de achegarse á realidade urbana da cidade e aos seus cambios e transformacións, é un recurso para desenvolver un suxestivo percorrido polo dinamismo urbano de Santiago. Os escolares contemplan unha ampla colección de fotografías da cidade nos últimos anos do século XIX e nos primeiros do XX, completadas con grandes panorámicas das últimas intervencións urbanísticas e arquitectónicas realizadas. Deste xeito, a exposición convértese nun paseo pola memoria da cidade e do seu futuro, poñendo en valor o patrimonio histórico e os importantes investimentos executados.

Ao longo do percorrido pola exposición vanse descubrindo, seguindo un plano colocado sobre o pavimento, diferentes espazos da cidade, a través de estampas antiguas de principios de século, así como os edificios máis emblemáticos, que axudan a comprender a actual configuración da cidade de Compostela.

Para facilitar o acceso dos centros de ensino e das familias realízanse estas visitas guiadas á exposición. Todos aqueles grupos interesados en participar poden realizar a súa reserva chamando ao teléfono do Departamento de Educación, 981 554 400/401.

Compartir: