PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO

Duascentas persoas beneficiaranse do programa Equal Compostela Social, que comezará a andar en setembro

27/06/2005 O fomento da cultura emprendedora é o principal obxectivo deste programa, que conta cun orzamento total de 1.300.000 euros, e que iniciará a súa andanza en setembro deste ano. O luns 27 de xuño tivo lugar a primeira reunión da Asamblea Xeral AD Compostela Social.

Durante a reunión da Asamblea Xeral do Programa Equal deuse conta do estado deste proxecto, que, segundo explicou o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, pretende beneficiar a 200 persoas distribuídas en tres tandas. Trátase dun programa de ámbito comarcal liderado promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego de Concello de Santiago que se inclúe no marco da iniciativa comunitaria Equal para o periodo 2004-2007.

Mellorar as oportunidades de emprego e facilitar a incorporación ao mercado laboral en "condicións dignas e de estabilidade" a un colectivo de cidadáns da comarca en situación de discriminación e de exclusión social. Iglesias fixo fincapé no perfil dos beneficiarios: mulleres maiores de 45 anos, xoves sen cualificación, familias monoparentais, parados de longa duración, discapacitados e vítimas de violencia doméstica e as persoas inmigrantes e emigrantes retornadas. Ao que acceden despois de que unha equipa técnica estude o seu perfil e verifique que encaixa nalgún dos colectivos, unha vez posta en marcha a camapa de promoción para que os cidadáns coñezan as vías de acceso a este programa. Neste senso, Xosé Manuel Iglesias no seu interese en que "os sectores máis marxinais se poidan dotar de mecanismos para acceder ao autoemprego", e José Luís García, alcalde de Brión, salientou que a "misión dos Concellos" é localizar a estas persoas. Deste xeito, tamén se crea unha "dinámica que fai que as estruturas destinadas á inserción laboral sexa un referente para estes colectivos con risco de exclusión", explicou Iglesias.

Para levar a cabo o proxecto, prevese contratar un técnico de xestión e control financeiro, un secretario bilingüe, un técnico para a coordinación de accións de Promoción de Iniciativas Empresariais, tres titores de promoción de iniciativas empresariais e catro docentes.

Así mesmo, durante a reunión deuse conta dos detalles do Acordo Transnacional que se asinou coa entidade italiana Federaziona Italiana delle Comunitá Terapeutiche, en particular co seu proxecto "Il tempo libero si fa impresa". AD Compostela Social contará tamén cun socio chego, un polaco e outro grego, e informalmente establecerase unha rede de traballo con outras dúas redes internacionais. A cooperación transnacional conta cun presuposto de 350.000 euros, e dentro das actividades previstas realizaranse, entre outras, intercambios de técnicos entre socios, seminarios de difusión das boas prácticas dos proxectos, traballos de avaliación comparada.

Ademais do Concello de Santiago, forman parte de Compostela Social o Concello de Ames, o de Boqueixón, o de Brión, o Teo, o de Val do Dubra, o de Vedra, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Cámara de Comercio de Santiago, a Confederación Galega de Minusvalidos (Co.Ga.Mi.), a Plataforma polo Emprego, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal e Caixa Galicia.

Compartir: