EDUCACIÓN E INFRAESTRUTURAS

Os máis novos contarán cun espazo privilexiado na Portela para coñecer mellor o noso medio rural

16/10/2007 O Concello recuperará unha antiga escola unitaria da Portela (Figueiras) para convertela nunha Aula de Coñecemento do Medio Rural. Os concelleiros de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, e de Educación, Guadalupe Rodríguez, presentaron este proxecto de reforma e ampliación, que vai supor un investimento de 415.000 euros.

Segundo explicou Bernardino Rama, a Aula contará con 32 liteiras, distribuídas en dous dormitorios, que permitirán estancias de fins de semana ou en datas específicas para grupos. Ademais, o inmoble terá cociña, biblioteca, unha sala con medios audiovisuais e coa aula de coñecemento propiamente dita. Esta actuación, apuntou, "permitirá rehabilitar unha vivenda desocupada, recuperar un contorno moi bonito e responder a unha vella reivindicación dos veciños de Figueiras". As obras comezarán en decembro sobre este espazo, de 358 metros cadrados.

Guadalupe Rodríguez explicou o proxecto educativo do complexo, na liña de "dotar aos cidadáns de espazos públicos e de favorecer a participación de todos, especialmente dos máis pequenos". Cualificou esta Aula como un espazo "novidoso" en Galicia, que servirá de apoio aos servizos culturais e de lecer e como exemplo de recuperación do patrimonio natural, arquitectónico e histórico da cidade.

Entre as actividades prevista está a organización de talleres, a celebración de eventos tradicionais (magosto, día do árbore…) ou servir como base para a realización de itinerarios guiados. Ademais da biblioteca, o centro contará cunha colección de materiais didácticos sobre o noso contorno.

A funcionamento da Aula articularase a través das solicitudes de actividades que se realicen. A concelleira quixo recalcar o carácter participativo deste centro, aberto a rapaces de todas as idades e diversos colectivos, como os relacionados co medio ambiente.

Compartir: