BENESTAR SOCIAL

O Concello achega máis de 11.000 euros á asociación Xoán XXIII para o servizo de acollida nocturna

16/10/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o representante da Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII, Padre Frei Francisco J. Honrubia Bonnín, asinaron no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal o Concello achega a cantidade de 11.220,46 euros para o desenvolvemento do "servizo de acollida durante a noite para transeúntes".

O servizo referido ten por finalidade a de proporcionar aos transeúntes un local dotado de 34 camas, repartidas en 6 habitacións, e unha sala con aseos incorporados, onde se pode pernoctar, ter aseo persoal, lavado e pranchado de roupa, así como tamén contar coa axuda –orientación.

Así mesmo, este servizo complétase cunhas prestacións complementarias que ofrece o albergue. Trátase do servizo de duchas de mañá; lavado de roupa das persoas que pernoctan -tres días por semana-; servizo de roupeiro; complemento alimentario: leite e doces (antes de durmir e despois de levantarse); e consigna para gardar equipaxes.

Os servizos complementarios do albergue relacionados coa hixiene persoal ofrécense tamén durante as horas da mañá e de luns a sábado aos que non son usuarios actuais do servizo nocturno.

Para a realización das actividades obxecto deste convenio o Concello compostelán achega a cantidade de 11.220,46 euros á devandita asociación.

No acto de sinatura, o alcalde destacou a "colaboración franciscana permanente" co Concello, así como o "excelente servizo" que prestan. Sánchez Bugallo aproveitou para transmitir a todo o persoal do albergue o agradecemento polo seu traballo. Pola súa parte, o Padre Honrubia lembrou que "sen este tipo de axudas non poderiamos desenvolver o albergue".

Compartir: