PROMOCIÓN ECONÓMICA

O programa da II Xornada Emprende en Compostela ofrece catro paneis de experiencias e tres obradoiros para o emprendemento

11/10/2007 Nove empresas, dúas entidades financieiras e dúas empresarias participarán na II Xornada Emprende en Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, no marco do programa Compostela Activa.

A xornada, que terá lugar o 23 de outubro no Pazo de Congresos, será inaugurada polo subdirector xeral de Apoio á Contratación e a Emprendedores da Xunta de Galicia, Jorge Barros, e clausurada polo emprendedor Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente do Grupo de Empresas Araguaney. O seu obxectivo é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago.

O encontro está dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa. A asistencia é gratuita. A información sobre a xornada e a inscrición para participar atópanse na web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, no microsite dedicado ao programa Compostela Activa.

O programa de actividades está concibido dun xeito práctico e didáctico, para que os asistentes poidan intervir e intercambiar experiencias e coñecementos. A ponencia inaugural impartiraa Jorge Barros. A continuación, os asistentes poderán coñecer a través de Caixa Galicia e La Caixa as ferramentas de financiamento privado das que dispoñen para crear ou consolidar a súa propia empresa.

De seguido, desenvolveranse catro Paneis de Experiencias. No primeiro, dedicado ao sector sevizos, participarán as empresas Saúde e Beleza, Xestionarte e RoadMap. No segundo, sobre o sector comercial, estarán presentes Biotica da Sorela, Helionova TecnoPipe e Media Lúa. No panel número tres, dedicado ás empresas de base tecnolóxica, participarán Artefacto, MestRec e Signo. No cuarto e último panel estarán presentes dúas empresarias: Mercedes Morigosa e Rosario Collazo.

Pola tarde desenvolveranse tres Obradoiros para o emprendemento, unha novidade respecto ao ano pasado, sobre Sucesión xeracional, A posta en marcha dunha franquicia e Buscar e solicitar axudas públicas. Serán impartidos por expertos en temáticas concretas de ámbitos nos que existe alta demanda de formación. A conferencia de clausura Galicia, cultura empresarial. A empresa necesaria será impartida por Ghaleb Jaber Ibrahim, un dos empresarios de referencia en Santiago, nacido en 1950 en Palestina.

Durante toda a xornada haberá stands das organizacións que apoian á cultura emprendedora en Santiago. No da Concellaría de Promoción Económica distribuiranse exemplares das 10 Guías de Novas Oportunidades de Negocio, nos que se desenvolven estudos sobre proxectos empresariais con importante demanda en Santiago. As guías cubren tres sectores: comercio, restauración e servizos a persoas.

Compartir: