CONSORCIO

Recta final para as obras do Parque de Belvís

11/10/2007 A limpeza e acondicionamento do parque urbano estarán rematados a primeiros de decembro trala aprobación do proxecto reformado elaborado polos arquitectos directores de obra.

O feito de que a plantación de árbores só poida levarse a cabo dentro desta época do ano retrasou o remate da obra, que esixe a limpeza e desbroce dalgunhas zonas, a instalación de alumeado, plantación de herba, árbores e arbustos, así como a estabilización de terras, entre outras actuacións, cuestións todas que se recollen no proxecto reformado.

Cómpre lembrar que a recuperación das hortas de Belvís foi unha das grandes apostas do Concello, a través do Consorcio de Santiago, para incrementar a rede de espazos verdes da cidade e, neste caso, un circuíto vinculado ao Casco Histórico xunto á Alameda e o Parque de Bonaval.

A falta destas obras, o proxecto estará concluído nos primeiros días de decembro, o que permitirá gañar para a cidade outros 80.000 metros cadrados de espazo de ocio dentro do ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, ademais de permitir a conexión directa desta parte de Belvís coa zona da rúa do Olvido.

A actuación realizada supuxo un investimento de 1,15 millóns de euros, e será a principal área de lecer dunha zona cun importante aumento de poboación, trala ocupación das setenta vivendas protexidas en réxime de aluguer nas inmediacións do parque.

Compartir: