TURISMO

Os hoteis da cidade rexistraron case 100.000 pernoctacións en setembro

11/10/2007 No mes se setembro producíronse nos hoteis composteláns 99.046 pernoctacións, isto é, 23.020 noites de aloxamento máis que no mesmo mes do 2006 e 30.881 máis que no mesmo período do 2005. A cifra supera incluso en 25.930 noites a marca rexistrada no Ano Santo 2004.

As cifras presentadas por Turismo de Santiago baséanse no número de prazas dispoñibles e nos datos oficiais facilitados pola Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, que sinalan para setembro do 2007 unha media de ocupación hoteleira dun 69,71%. Esta cifra supera en máis de 4,2 puntos á acadada en setembro do 2006 e 2005.

Por categorías, destacan as 31.688 pernoctacións dos hoteis de catro estrelas, seguidas polas 30.178 pernoctacións en tres estrelas e as 22.834 en cinco estrelas. Isto supón que o 85,5% das pernoctacións se concentra en establecementos de categoría superior. Pola súa parte, as pensións acadaron unha media de ocupación do 71,76%.

Consultas nas oficinas municipais de turismo
En setembro recibíronse 41.643 consultas presenciais nas oficinas municipais, un 14% máis que no mesmo mes do 2006.

Ao total contribúen os visitantes estranxeiros cun 53,1% e os nacionais cun 45,1%. Isto confirma a tendencia do crecemento do turismo estranxeiro dentro da composición das consultas, cun 21% máis que no mesmo mes do 2006 e un 52% máis que no 2005. As consultas dos españois, pola súa parte, medraron un 7%.

Por orixe, lideraron as consultas este mes Alemaña (20,4%), Francia (12,5%), Italia (11,5%), Reino Unido (10,7%) e Estados Unidos (6,4%). En relación co mesmo mes do 2006 destaca a crecente presenza de alemáns (gañan un 30%), norteamericanos (gañan un 77%) e xaponeses (gañan un 127%) .

As principais fontes de consultas españolas foron Andalucía (19,6%), Valencia (13,5%, cunha importante suba do 44% ), Cataluña (11,5%) e Madrid (10,2%).

Consultas da páxina web e autobuses
As páxinas web de Turismo de Santiago rexistraron 61.514 accesos en setembro, un 5,4% máis que no mesmo mes do 2006. Así acumulan xa 617.037 accesos no que va de ano, un 1,8% máis que no 2006 e un 47,3% máis que no 2005.

Finalmente, en setembro produciuse un descenso do 6,5% na entrada de autocares á dársena de Xoán XXIII, cun total de 1.390 vehículos.

Compartir: