CULTURA

Clausúrase o VIII Ciclo de Lied cun programa dedicado ao cabaré e o debut en España da soprano canadense Measha Brueggergosman

09/10/2007 Co habitual respaldo do público compostelán e galego e un alto nivel artístico remata o mércores 10 de outubro no Teatro Principal a oitava edición do Ciclo de Lied de Santiago que organiza a Concellaría de Cultura en colaboración coa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Asociación Galega da Lírica.

Será este un especial serán no que se producirá o debut en España da soprano canadense Measha Brueggergosman, unha cantante de voz poderosa e gran sensibilidade, e unha das máis destacadas artistas do seu país e unha das voces internacionais con maior proxección dos últimos anos. "Teatro, Canción, Cabaré" é o título desta oitava edición do Ciclo de Lied, no que tras o protagonismo do teatro shakesperiano –no primeiro concerto– e do lied e da canción –no segundo e no terceiro– tócalle a vez neste concerto de clausura ao mundo do cabaré.

Measha Brueggergosman cantará cancións compostas por autores tan singulares e diferentes como o inglés Benjamin Britten, o austríaco Arnold Schoenberg, os americanos Ned Rorem e William Bolcom e os franceses Eric Satie e Francis Poulenc no particular e desenfadado estilo do cabaré.

Como en todos os concertos do Ciclo de Lied, Measha Brueggergosman actuará no Teatro Principal na compaña de Roger Vignoles, prestixioso pianista inglés estreitamente vinculado a este ciclo compostelán do que é co-director artístico.

Compartir: