CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia será a protagonista da nova edición de "Música na Compañía"

09/10/2007 A Real Filharmonía de Galicia e a USC poñen en marcha unha nova edición de "Música na Compañía", unha serie de concertos de cámara celebrados na igrexa da Universidade. En total serán nove concertos protagonizados por diversas formacións de cámara da Real Filharmonía de Galicia.

Organizado pola Vicerreitoría de Cultura en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia, orquestra xestionada polo Consorcio de Santiago, o ciclo pretende unir os conceptos de música e patrimonio e achegar a música de cámara ata o corazón mesmo da cidade histórica de Compostela. Así, á calidade artística dos diferentes compoñentes da orquestra santiaguesa únese o carácter monumental da igrexa da Compañía, verdadeira xoia do barroco. Este novo proxecto artístico, impulsado desde a Real Filharmonía, permite ao público compostelán de disfrutar da música da orquestra a través dos seus solistas, que para a ocasión agrúpanse en cuartetos e quintetos e interpretan un variado repertorio de música de cámara.

A capacidade e a singularidade artística e técnica de todos os músicos da Filharmonía teñen, nestas formacións de cámara, a expresión distinguida e versátil do seu camiño cara a unha maior presenza en Compostela, presentando proxectos de música de cámara.

Concerto inaugural
Como inicio a este ciclo musical os catro principais de corda da Real Filharmonía (James Dahlgren, concertino; Grigori Nedobora, principal de segundos violines; Tilmann Kircher, viola principal e Plamen Velev, violoncello principal) únense formando un Cuarteto de Cámara para participar no ciclo de "Música na Compañía". O concerto inaugural (mércores 10 de outubro, 20.30 h.) inclúe a obra musical "As sete últimas palabras de Cristo", peza fundamental de Haydn e que evoca toda a súa espiritualidade. O sermón das Sete Palabras recorda as frases que Xesús pronunciou na Cruz durante a súa agonía no Gólgota e que son recollidas no Evanxeo. Haydn puxo música a cada unha delas e sumou unha introdución musical e un final, que recorda o Terremoto que seguiu á morte de Cristo.

Igrexa da Universidade
A igrexa da Universidade, ou da Compañía, foi construída como sé principal da Compañía de Xesús, no século XVII. Cando a orde foi expulsada de España, a finais do século XVIII, as imaxes da fachada, que representaban a San Ignacio de Loiola e a San Francisco Xavier, foron "decapitadas", e as súas cabezas substituídas polas de San Pedro e San Paulo. Dende 1995, ano da celebración do Quinto Centenario da Universidade, está dedicada a sala de exposicións e concertos. No seu interior destaca o retablo maior, barroco, proxectado por Simón Rodríguez, o mesmo arquitecto que deseñou a fachada de Santa Clara e a Igrexa de San Francisco.

Documentos relacionados



Compartir: