TURISMO

"Curtocircuíto", tamén para os nenos

09/10/2007 A IV edición do Festival Internacional "Curtocircuíto" amplía neste 2007 o perfil do seu público, estendendo a oferta cinematográfica aos máis cativos. Deste xeito, os nenos de Santiago, Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo van ter a oportunidade de presenciar unha selección de curtametraxes, programada no marco do Festival.

Este ciclo para os máis novos denomínase "Curtocircuíto para nenos" e proxectarase nesas cinco cidades do 16 ao 20 de outubro, grazas á colaboración da Fundación Caixa Galicia, entidade patrocinadora deste evento. O ciclo pretende achegar o mundo das curtas aos máis novos, proxectando 10 pezas distintas cunha temática e contidos axeitados para os espectadores de menos idade.

Estas proxeccións realizaranse en virtude do convenio de colaboración asinado entre o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; e a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto, mediante o cal a Fundación Caixa Galicia cede as súas salas, en Santiago, Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo para a exhibición dos distintos filmes. O proxecto está avalado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que estivo representada por María José Pérez Mariño Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Os títulos das curtas seleccionadas para esta primeira edición do "Curtocircuíto para nenos" son os seguintes:

BONHOMMES (de Cecilia Marreiros Marum; Francia, Bélxica 2003)

LE VOLEUR D'ÉCLAT (de Joan Pons, Félicien Noziere, Gille Violette, Benoit Delozier; Francia 2004)

LOOP (de Emilie Boyard, Charles Blanchard, Vincent Baertsoen, Julien "Fox" Rancoeur; Francia 2004)

TADEO JONES ( de Enrique Gato ;España 2004)

OVERTIME (de Damien Ferrié, Thibault Berland, Oury Atlan; Francia 2004)

LA MIGRATION BIGOUDENN ( de Alexandre Heboyan; Francia 2004)

AU BOUT DU MONDE ( de Konstantin Bronzit; Francia 1998)

FLATLIFE (de Jonas Geirnaert; Bélxica 2004)

BIRDS ( de Pleix; Francia 2006)

MAN (de Juan Carlos Abraldes, Luis Faraón; España 2006)

Compartir: