CIDADE HISTÓRICA E FESTAS

O Goberno municipal puntualiza o escrito de Compostela Monumental

08/10/2007 Diante do comunicado emitido pola asociación Compostela Monumental, o Goberno municipal quere aclarar algúns dos aspectos significativos nos que a devandita nota falta á verdade como ven sendo habitual por parte dos dirixentes da mesma.

En relación coa manifestación de que "o Goberno Municipal se nega a dar por escrito os motivos da denegación para a instalación dunha pista de xeo na praza da Quíntana" aclaramos que a concelleira de Casco Histórico, Socorro García, manifestou diante dos medios de comunicación que llo solicitaron, que a petición de Compostela Monumental está no proceso de tramitación habitual e que terán cumprida resposta en tempo e forma. Asemade, a concelleira manifestou que o pasado ano o propio Concello tivera en carteira un proxecto similar, por iniciativa do propio Goberno municipal, que finalmente foi rexeitado por razóns técnicas e de seguridade entre outras. Precedente que fai supoñer a denegación á iniciativa de Compostela Monumental.

En relación coa iluminación de Nadal para o Casco Histórico, o Goberno municipal afirma que a Asociación manipula tanto as manifestación do concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, como a realidade en proxecto. En ningún momento o concelleiro manifestou, nin pública nin privadamente, que súa compañeira de Corporación, Socorro García, fora deixar sen iluminación de Nadal o Casco Histórico. Pola contra, a concelleira de Casco Histórico aclarou que no acordo tomado entre as delegacións de Festas, Casco Histórico e Promoción Económica para á iluminación de Nadal, se iluminarán as prazas e espazos públicos principais.

Ademais, tanto Socorro García como Xosé Baqueiro manifestaron que as asociacións de comerciantes que desexen realizar as iluminacións da súas rúas deberán tramitar a correspondente proposta de iluminación, que será estudada desde os puntos de vista técnicos de idoneidade e seguridade para a súa aprobación.

O Goberno municipal pon de manifesto a actitude de desprestixio do Casco Histórico que a asociación Compostela Monumental realiza en prexuízo dos seus asociados e da convivencia xeral desta importante zona da cidade.

Compartir: